
No sound is innocent é un libro escrito por Edwin Prévost, percusionista e membro fundador dos AMM. A temática do libro, como era de esperar, é a música e máis particularmente a improvisación libre, que é o que Prévost leva facendo dende mediados dos sesenta tanto con AMM como con outros músicos. Está editado por Cópula, que é uha marca dependente do selo discográfico Matchless Recordings; rexentado polo autor e responsable da maior parte das edicións discográficas de AMM.
O libro está dividido en tres partes ben diferenciadas, incluso poderiamos dicir que é unha compilación de tres escritos de Prévost: AMM e a práctica da autoinvención, Narrativas meta-musicais e Ensaios. A primeira é unha semblanza dende a perspectiva de Prévost (un punto importante falando de AMM) da historia do grupo: a súa concepción, o desenvolvemento ao longo dos anos e as políticas (ás veces hai que interpretalo de forma literal) que deron forma ao colectivo. Os ensaios son un total de dous, breves, sobre a ensinanza e influencia da improvisación na música (histórica e actualmente) e a loita do meta-músico contra o ego.
A parte intermedia, Narrativas meta-musicais, é un conxunto de textos “escritos dunha forma paralela á improvisación musical- ou polo menos todo o que me puiden achegar” nos que Eddie Prévost comeza cada un dos textos nun momento distinto e vai definindo os termos mentres pensa “como un improvisador define a música cando toca”. Polo tanto “moitos dos temas son recurrentes, retornando a eles dende un punto de vista un pouco distinto cada vez”. Recurrentes e variados, dende as relacións entre improvisadores (ou meta-músicos como soe escrivir Prévost) no momento de tocar ata a total invalidez do sistema de dereitos de autor para xestionar os dereitos da música improvisada pasando polas relacións dos sons co contexto tanto político como mental.
En definitiva, unha lectura máis que recomendable para quen estea interesado nesta forma de música coñecida como improvisación libre. Dispoñible dende Matchless Recordings.